ESPAZOS URBANOS PARA EXERCER DE CIDADÁN: OS FOROS ARQUITECTURA DO PODER
Xan 9th, 2012 by José M. Otero


EXERCER DE CIDADÁNELIXIR, LEXISLAR, XULGAR

O Foro Romano desde o Tabularium

A civilización romana, igual  que a grega, fundaméntase na sociedade urbana. Todo aquel romano que desempeñaba un papel importante na política ou na administración do estado residía en Roma. Os homes só se senten eles mesmos na cidade e non  só polas rúas atestadas de xente anónima senón polas comodidades materiais, baños públicos, polos edificios públicos que espertan a admiración de residentes e visitantes. Preguntábase Pausanias se se lle podía chamar cidade a un lugar que non ten edificios públicos, nin ximnasio, nin teatro, nin praza, nin traída de auga, nin casas dignas onde vivir. O romano só se sente de verdade na casa se está na cidade: na cidade atópase como nun  fogar colectivo.

Reconstrución do Foro Romano. Peter Connolly.

O romano libre é principalmente un cidadán. Segundo este ideal, a soberanía pertence ao conxunto de cidadáns (“cives”) que forman a “civitas”. A profesión de cidadán exércese: lexislando, elixindo e xulgando  O Foro será o espazo da cidade concibido para dar resposta a natureza do poder político que emana deste ideal de soberanía.

En Atenas a ágora, o mercado, era o centro político e xudicial da cidade: edificios públicos e tribunais, tendas e postos de comerciantes, a fonte onde as mulleres acudían cada mañá a por auga, a facer a colada, a palicar. Nos soportais ou estoas, pechábanse os tratos, reuníanse os amigos e expoñían as súas ideas os filósofos.

A relixión da colectividade cívica celébrase nas prazas, diante dos templos, baixo a autoridade dos maxistrados e sacerdotes públicos. En Roma ningunha actividade estaba á marxe da relixión.

O foro romano, inspirado na ágora, era o centro de todas as actividades cívicas:

  • Política:

Curia (K): para reunión do Senado

Comitium: espazo entre a Curia e o arco de Septimio Severo onde tiñan lugar as reunións para a elección de maxistrados

Rostra(E): tribuna de oradores

Arcos triunfais:  Tito, Septimio Severo.

  • Xudicial:

Basílicas: Iulia (D), Emilia (J), Maxencio

  • Comercial:

Basílicas: Iulia, Emilia, Maxencio

  • Relixiosa:

Templos: Xúpiter Capitolino, Saturno, Concordia (B), Dióscuros (F), Antonino e Faustina, Divino Iulio (G), Vesta (H), Divino Rómulo,  Venus e Roma;  en Foros Imperiais: Venus, Marte Vingador

  • Social:

Basílicas: reunións públicas: Iulia, Emilia, Maxencio

Panorámica do Foro Romano. Fot. Google

Para entender o sentido do FORO na visión do mundo dos romanos debes completar o CUESTIONARIO que ten como referencia o vídeo que explicamos na clase: ROMA: ESPAZOS URBANOS PARA A VIDA CÍVICA.

PICA AQUÍ E DARÁS CO DOCUMENTO EN pdf.

CATULO EN TRES POEMAS: ESQUISITEZ E BO GUSTO
Dec 26th, 2011 by José M. Otero

TRES POEMAS PARA ENTENDER O SENTIDO DA URBANITAS

UNHA SOCIEDADE COSMOPOLITA

A vida económica, social e cultural de Roma sufriu una fonda transformación  despois de resolver os conflictos bélicos de Macedonia e Cartago no século II a. C.: a afluencia de riquezas e obras de arte aviveceu o luxo e a procura de praceres, e, por se non era de abondo, o orgullo nacional ía emparellado de brutalidade. A moral das clases elevadas, baseada na austeridade e a parsimonia (aforro) quedaba enfrontada ó cosmopolitismo da plebe, que renegaba destes valores. O senado de forma hipócrita seguía defendendo o vello ideal romano con leis antiluxo.

Este ambiente fomentaba o  amor polo OTIUM. A literatura grega e todo o mundo grego impregnan agora a vida e a cultura de Roma; non só se trataba de falar ben o grego, muda a concepción da vida, xa modificada a propósito da consideración do OTIUM; co cosmopolitismo difúndense a afección polas viaxes e polo pensamento grego. Insinúase o escepticismo, a relixión tradicional romana vacila, atacada  pola racionalismo grego e o misticismo oriental, difúndense os cultos mistéricos e os seguidores de Epicuro son escoitados con atención.

ALEXANDRINISMO E TRADICIÓN ROMANA EN CATULO (87-57?)

O alexandrinismo é poesía nova porque é a expresión dun home novo, do home postsocrático, e o neoterismo é todo isto para Roma, porque este home novo xa estaba en Roma na segunda metade do século II a. C. de aí que se transforme tamén a literatura. O vir gravis, o cidadán soldado, defendido  por Cicerón dá paso ó vir lepidus que representa os novos valores da urbanitas e a amicitia.

O alexandrinismo deulle a volta ós gustos e ós canóns poéticos, escravos da afectación e os clichés convencionais. Toman corpo as figuras dos poetas helenísticos especialmente Calímaco, que ofrecía  a táboa das novas leis poéticas: “Libro grande, libro malo”, “A arte non se mide coa longa pértiga dos Medos”, “Non queda ben tronar, trona somente Xúpiter”, “Non canto nada que non estea documentado”) ,

Na poesía catuliana conflúen a tradición romana  da sátira e a alexandrina, a gracia da expresión inmediata e a venustas neotérica, o pícaro lingoreteiro, alegre e lixeiro e o poeta elevado, serio (poeta doctus), a vivencia persoal e a cósmica. SEGUIR LENDOcatulo en tres poemas

O SOL DE CADA DÍA VOLVE RENACER
Dec 21st, 2011 by José M. Otero

Ningún historiador das relixións parece dubidar hoxe das semellanzas da festa cristiana de Nadal cos rituais dos cultos de Mitra que tan boa acollida tiveron entre os romanos dos últimos anos do Imperio.

A relixión de Mitra, mesturando un ritual con aspiracións de pureza moral  e esperanza de inmortalidade, foi unha rival de coidado da Igrexa cristiana que lles propoñía ós seus fieis respostas idénticas a inquitudes parecidas.


Relief mithriaque de Fiano Romano appelé "Le Soleil et la lune" et Mithra sacrifiant le taureau en présence du soleil et de la lune 2e siècle - 3e siècle ap J.-C.: (C) RMN / Hervé Lewandowski

J.G. Frazer ofrece un dato clarificador que ilustra a longa loita que tiveron que librar as nosas festas do Nadal: no calendario xuliano computouse o solsticio de inverno o 25 de decembro, considerándoo como a natividade do Sol, xa que a partir deste momento crítico do ano a duración do tempo de luz ía incrementándose.

“¡A virxe pariu! ¡A luz está renacendo!”gritaban de noite os celebrantes dos ritos do “Natalis” en Siria e Exipto, e sacaban, para que a adorasen, a figura do Sol representada nun neno recén nacido.


Statuette d'Astarte Crédit photographique : (C) RMN / Philipp Bernard Période : civilisation parthe (247 av. J.-C. au 2e siècle ap. J.-C.)

No solsticio de inverno a virxe que paría o 25 de decembro era a Gran Deusa Celestial do Oriente, Astarté nos paises semíticos, identificada polos seus adoradores co Sol invencible, irreductible, triunfante, eterno, por iso a natividade do Sol cae na mesma data que a Igrexa occidental adoptou a comezos do século IV para comemorar o nacemento do Salvador. Mitra tamén se identificou co Sol.

Os primeiros cristianos  non celebraban o nacemento de Cristo, nada contaban os Evanxeos sobre a data, pero pasado un tempo, entre os fieis de oriente,  o seis de xaneiro consolidouse pouco a pouco como o día natividade;  occidente, que se mantiña á marxe do costume oriental, xa a finais do século III, opta polo 25 de decembro.


Naissance de Jésus-Christ Crédit photographique : (C) RMN / Franck Raux Localisation : Paris, MuCEM, Musée des Civilisations de l'Europe et de la Méditerranée


Un escritor sirio cristiano dános a clave desta decisión : a razón pola que as autoridades da Igrexa  adoptan a  data do 25 de decembro reside no costume dos paganos de celebrar ese día o nacemento do Sol, facendo luminarias, símbolo da festividade; os cristianos tamén participaban na cerimonia colectiva  daquel ritual máxico, vivíndoo con toda a súa intensidade.

Esta inclinación pagana preocupoulles tanto ós doutores  da Igrexa que resolveron que o Nadal debía celebrarse o día do ritual das luminarias aproveitando o fervor co que se vivía esa data por parte de crentes e non crentes. Por iso seguen a acenderse fogueiras e fachucos ata o día da epifanía (6 de xaneiro).

Rituais de lume perduran hoxe nas celebracións do Entroido en Laza ou Oimbra (Ourense). Unha mestura das antigas festas saturnais (17-23 de decembro) e a do Sol Invictus.


O ocaso tras Cabo Home. Ría de Vigo. Fot. Juliana Ribeiro

San Agostiño, cando anima os cristianos a non celebrar o día do Sol como tal,  senón no nome de quen o creou, deixa entrever a orixe pagana da festividade. E o propio León o Grande condena a crenza  de celebrar o Nadal polo nacemento do Sol e non pola natividade de Cristo. Distingamos, pois, entre Nadal  e Natividade.

Parece que a Igrexa cristiana levou a celebración do Nadal ó día 25 de decembro co obxecto de transferir a devoción xentil do Sol invencible ó seu Sol fundador e salvador.

As numerosas coincidencias e moi estreitas entre as festas paganas e cristianas, miradas no seu conxunto, permítennos adiviñar o pacto ó que se viu obrigada a Igrexa no momento no que triunfa sobre as relixións rivais.

Olark Livehelp

»  Substance: WordPress   »  Style: Ahren Ahimsa