SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Píramo e Tisbe, amores con mala estrela
Mai 21st, 2008 by José M. Otero

tisbe

 

Velaí que co medo no corpo, para non faltar á palabra, volve ela da cova onde se agachara e busca cos ollos do corazón ao seu amado; está impaciente por lle contar o perigo do que se librara. Así que recoñece o lugar e a moreira, a cor dos froitos énchea de incerteza, mesmo dubida. Mentres dubida, ve que un corpo late tremente no chan ensanguentado; dá un paso atrás, e co rostro máis pálido co buxo estremeceuse como o mar que xeme cando unha leve brisa roza a súa superficie.

Unha vez que recoñeceu ao seu amado, maltrata con sonoros golpes os brazos que non o merecían, arrinca os seus cabelos e, abrazando o corpo de aquel a quen ama, anegou de lágrimas as feridas e mesturou o seu pranto co sangue e cravando os ollos naquel frío rostro gritou:” Píramo, ¿qué desgraza te separa de min? ¡Respóndeme, Píramo! A túa queridísima Tisbe chama por ti; escoita, mírame con eses ollos abatidos”.

Ao nome de Tisbe, Píramo abre os ollos que avetaban a morte e despois de mirala volveunos pechar. Ela recoñece o mantón, ve a vaíña de marfil sen a espada e di: “A túa propia man deuche morte e tamén o teu amor, este darame forza para ferirme. Irei tras túa e da túa morte dirase que fun tráxica causa e compañeira; e ti, a quen só a morte podía arrincarme, ¡ah!, nin a morte poderá arrincarte de min.”

Ovidio, Metamorfosis, IV, 128-153

PÍRAMO E TISBE: AMORES CONTRARIADOS . TEXTO EN PDF 

piramo-e-tisbe

GUÍA DE LECTURA en PDF: PÍRAMO E TISBE

guia-de-lectura-de-piramo-e-tisbe

PIETAS AMORIS

A pietas, coa gravitas (responsabilidade) e a fides (lealtade), é un dos valores claves do ideal de romanidade. A pietas amoris, que se representa con toda a intensidade e dramatismo no relato anterior, é a gran aportación orixinal de Ovidio nunha obra onde o amor é un principio unificador, ningún dos seus predecesores conseguira imaxinar nada parecido. Chama poderosamente a atención un relato dunha intensidade tan humanamente dramática como contrapunto a un mosaico rico de amores divinos.

Haberá que pensar que Ovidio chega a entender que a proposta augústea do retorno á figura da muller tradicional romana xa non era posible na sociedade dos últimos días da República, na que a muller chegara a acadar niveis de liberdade e independencia e igualdade aos que xa non era posible renunciar. A pietas xa non é un valor exclusivo do cidadán romano, é unha forma de recoñecer a importancia da muller na nova sociedade que se abre ao aveiro da pax augustea.

Proposta revolucionaria que quere facer ver a inutilidade da lexislación do emperador César Octavio Augusto para reconstruir unha nova Roma, sobre os principios da tradición.

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa