Sistemas de calefacción nas áreas termais das villas romanas na Gallaecia
“Balnea, vina, Venus corrumpunt corpora nostra sed vitam faciunt”
["Baño, viño e Venus desgastan o corpo, pero dan a vida"]
Proverbio clásico
O recurso da auga para usos hixiénicos facía sentir ós romanos superiores a calquera outra xente, se se quere, máis urbanos. O romano só se sente el mesmo rodeado de comodidades materiais (commoda) que faciliten o desenvolvemento do ideal liberal da amistade no que ten de liberdade e igualdade. A vida feliz para un home esencialmente práctico era a combinación harmoniosa entre os tempos de otium e de negotium
Non había mansión rica onde un baño non ocupase varias salas especialmente dispostas cunha instalación de auga quente. O baño de vapor e a climatización por debaixo do chan son dúas decisivas aportacións do mundo romano ó espazo dos praceres. Non sei o que pode haber de verdade na noticia que nos dá Plinio o Vello de que todo se debe a un empresario espabilado que se inspira no sistema empregado para quentar os bancos de ostras. Ignoro se é casualidade ou puro artificio literario pero non pasa desapercibido o feito de que as ostras aparezan ligadas ó pracer.
O baño, ademais dun hábito de hixiene, era un pracer complexo que respondía ás necesidades que reclamaba un romano: un costume de sociabilización, ós romanos góstalles falar cos amigos. Os baños ofrecíanlles a posibilidade de ter a man todo o que pode facer a vida fermosa e feliz.
Somos hoxe afortunados beneficiarios de dúas das grandes comodidades, as máis estimadas polo home moderno, legadas polo mundo romano: os baños quentes e a calefacción:
O HIPOCAUSTO consiste nun espazo polo cal o aire quente circulaba baixo o chan procedente dunha fonte externa (PRAEFURNIUM) na que había unha caldeira (ou tres) na que se quentaba tamén a auga. O chan da sala quente, que debía ser groso para evitar as queimaduras nos pés, ía sobre columnas (pilae), piares de ladrillo ou pedra e tamén terracota. Igualmente conseguirón quentar os muros e as bóvedas facilitando o desprazamento do aire quente xa con TUBULI , grandes pezasocas cerámicas ou TEGULAE MAMMATAE (tellas planas colocadas de tal xeito que facilitasen a circulación do aire quente).
A orientación espacial dos baños buscaba o sol de tarde que se recrea no lento poñente para crear un especie de “efecto invernadeiro” nas salas caldeadas onde os usuarios dos baños circulaban sabiamente entre o CALDARIUM, orientado cara ó sur, o FRIGIDARIUM, ó norte, e o TEPIDARIUM, que se interpoñía entre ambos.
O ritual do baño dividíase en tres fases: entrábase nos sudatoria, que rodeaban o caldarium, para reactivar a transpiración, o que se coñece como baño turco ou seco. De aquí pasábase ó caldarium , coa temperatura moi elevada, onde se rociaban con auga quente no labrum. Unha vez limpos e secos detíñanse no tepidarium para adaptarse ó cambio de temperatura, para finalmente botarse á piscina de auga fría. Tales son as recomendacións de Plinio o Vello e o movemento das personaxes do Satiricón de Petronio.
“Ó deselvolver colectivamente o pracer pola hixiene física, os deportes útiles e a cultura desinteresada, o pobo romano detivo a súa decadencia durante varias xeneracións, facénndose eco do vello ideal que no pasado inspirara a súa grandeza e que seguía recomendando Marcial: Mente san en corpo san.” (Jérôme Carcopino. Vida cotidiana en Roma).
2 Respostas to “O pracer dun baño quente”
Deixa unha resposta