A DOMUS: espazo privado para o otium e o negotium
novembro 11th, 2009 por José M. Otero

No século II a. C. as formas de vida gregas e romanas entraron en contacto e poucos romanos acomodados puideron resistir o atractivo da civilizada vida grega e, aínda máis, moitos romanos sensatos  pensaron que era moito o que podían aprender dos gregos os que se consideraban predestinados a gobernar o mundo. O proceso de helenización dos costumes e da cultura romana apareceu ben definido no século II a.C. Desde sempre o romano sentiu un atractivo polo grego, aínda que non na medida en que sucedeu a mediados do século III a.C., os deuses romanos identificáranse cos gregos, algún que outro romano chegou a falar grego, a arte romana comezou a facerse grande á sombra da grega. Pero  o empurrón definitivo deuse xustamente no século III cando aparecen as primeiras obras de literatura en latín baixo o modelo grego e a escolarización  dáse en ambas linguas. O saqueo de Siracusa (212 a.C.), segundo Polibio, é o feito que marca o gusto pola arte grega: moitas obras chegaron a Roma. As formas de vida das clases altas entréganse sen rubor á batuta do gusto grego.

A domus que tomaremos de referencia ou casa pompeiana deixanos ver na súa organización arquitectónica dúas partes claramente definidas, fiel retrato da división cultural e mental que supuxo para Italia descubrir no seu propio espazo o a beleza e bo gusto do grego. A mentalidade práctica do home romano xiraba ata agora a redor do que se entendía como NEGOTIUM, nos gregos descubren os valores do OTIUM. Esta bipartición arquitectónica responde á necesidade de xuntar no espazo da vida privada unha nova entidade cultural, enriquecedora a todas luces, que do ámbito da vida privada ía a pasar á vida cívica a non moito tardar.

A parte anterior da domus que permite o acceso directamente desde a rúa a quen visite ó pater familias mantén a estructura da casa etrusca, con dous centros de intereses moi definidos o atrium e o tablinum: é o ámbito do negotium, onde o pater familias celebra os cultos do fogar diante do larario coas imagines maiorum (figuras que representaban os devanceiros da familia), onde os tesouros domésticos,  preto do impluvium (pilón no que se recollía a auga da chuvia), esperan a admiración do hospede que ha de resolver co dominus problemas da vida cotiá na urbe.

A parte interior está articulada polo peristilum, de gusto grego, enriquecida cun xardín no patio. É o lugar do otium, ideal para o repouso, rodeado polos triclinios, salas de estar o de xuntanza. É o espazo doméstico que acolle as esculturas e os libros e dá paz e tranquilidade a toda a familia.

Pero está forma arquitectónica non vai ser permanente. Os cambios de mentalidade taen con eles cambios na concepción dos espazos vitais. O descubrimento do peristilo como foco de luz dá pé para que o tablinum (o despacho oficial do dominus) se abra para  con maior claridade responder ás novas ideas de comodidade, coa construcción dos acueductos perde sentido o impluvium,  a relixiosidade familiar entra en crise cos novos tempos e a apertura  as novas culturas e  o atrium deixa de ser o centro da vida familiar perdendo por tanto a súa razón de ser.

PODEDES VISITAR O POST  ”A VILLA ROMANA DE TORALLA” PICANDO AQUÍ

INTERESANTE VISITA

RECONSTRUCCIÓN DUNHA VILLA RUSTICA EN 3D

O LUXO DUNHA VILLA

Se queres imaxinar unha villa podes ler este texto de Plinio o Mozo:



Deixa unha resposta


»  Substancia: WordPress   »  Style: Ahren Ahimsa