FEBREIRO, FEBRUARIUS: A MAXIA DA LUSTRATIO

FEBREIRO, FEBRUARIUS: A MAXIA DA LUSTRATIO

Februus, -a, -um: ‘que purifica’, ‘purificador’. Antigo adxectivo da lingua relixiosa, de orixe sabina. Personificado Februus ven dar no nome dunha divindade infernal,  Plutón: Februus autem est Ditis pater cui eo mense sacrificabatur. [ Februo é Plutón, o deus a quen neste mes se lle facían sacrificios] Servio, G. 1,43

Lustrari…eo mense civitatem necesse erat, quo statuit [Numa] ut iusta Dis Manibus solverentur [Neste mes,  no que Numa decretou que se tributasen honores ós deuses Manes, era necesario que se purificase a cidade].  Macr. Sat. 1,13,3.

Februa é un epíteto de Xuno, derivado do nome da esposa de Februus. O neutro februum  emprégase co sentido de “purgamentum” da ofrenda purificatoria, e en particular do sal quente: Lupercalibus salem calidum ferunt, quod februum apellant.

O sal sempre se considerou unha pedra sagrada  empregada nas cerimonias de maxia e relixiosas para expulsar do corpo os demos e os malos espíritos. As festas Lupercais celebrábanse en Roma o 15 de febreiro. No ritual o sacerdote tocaba a fronte dos mozos cun coitelo manchado do sangue das víctimas sacrificadas,  de seguido limpábaos  cunha la empapada en leite, botando estes a rir con gran estrondo.

Februarius, mes das purificacións: februarius mensis dictus, quod tum, i.e. extremo mense anni, populus februaretur, i.e. lustraretur ac purgaretur  P.F. 75,23

Parece que varias cerimonias de orixes diferentes se mesturan e confunden: unha cerimonia de lustratio, sacrificios expiatorios ás divindades infernais e un rito de fecundación (Lupercais).

“Os antepasados romanos chamaron februa ós instrumentos de purificación. Moitos indicios dan fe desta palabra. Os pontífices pídenlle ó rei  e ó  flamen unhas las que na lingua dos antigos recibían o nome de februa, e as tartas tostadas e o sal que recolle o lictor para purificar as casas despois de varrelas denominasen da mesma maneira. O ramallo de árbore que cobre as castas tempas  dos sacerdotes chámase igual. Eu mesmo vin cos meus propios ollos como a muller dun flamen solicitaba os februa, e lle deron un ramallo de pino. En fin todo aquilo co que purificamos o noso corpo  recibía este nome entre os nosos barbudos avós. O mes recibe este nomen dos februa, ben porque os Lupercos cortan unha pel e purifican todo o chan empregándoa como instrumento de purificación, ben porque o momento é puro xa que se fixeron ofrendas de paz ós sepulcros e xa pasaron os días dedicados ós mortos.”

OVIDIO, Fastos II, 19 e ss.

Os comentarios están pechados.