A FUNCION MÁXICA DAS FLORES E AS FRAGRANCIAS NOS BANQUETES DA ROMA ANTIGA

A mesa e o comedor para os romanos eran un espazo sagrado e, en consecuencia, a comida un acto relixioso, cos seus rituais pautados ata no seu mínimo detalle, unha festa coa presenza continuada dos deuses, na que, dun xeito curioso, se mesturaban o relixioso e o profano.

Para os antigos romanos a mesa simbolizaba a terra portadora de alimentos polo que o comedor resultaba ser a representación do cosmos, onde a mesa, como a terra, ocupa o centro do universo. Nerón, cando constrúe o comedor da domus aurea, concíbeo á imaxe do universo; un inxeñosa tramoia no teito de tablillas móbiles esparexía perfumes e flores que parecían caer teatralmente do ceo. Neste universo miniaturizado todos os rituais tiñan como obxectivo a reconciliación cos deuses. Os deuses só atendían a aqueles fieles limpos fisica e moralmente. Eran inevitables polo tanto rituais de purificación para que este cosmos quedase libre de sortilexios e malos espíritos que puidesen interrumpir a comunicación fluída coas divindades.


Era crenza xeneralizada entre os antigos que as flores e as fragrancias tiñan este poder purificador, de aí o costume de asperxir polo chan das salas infusión de verbena ou herba de Venus, xa que o seu recendo trasmite alegría ós comensais, trae a paz e afasta as envexas, pero, por enriba de todo, tiña os efectos purificadores que procuraban os que compartían triclinio. Outras veces ciscaban pétalos de flores: das rosas da divindade, da flor de lis, contra os fungos velenosos e as enrugas, de violetas da inmortalidade. Os inmortais que non coñecen a fame nin a morte aliméntanse de olores e perfumes, privilexio e sinal da súa condición, pois os mortais han de se repartir as vísceras cocidas no asador e a carne sanguenta do sacrificio.

Entre todas as flores de calquera xardín había unha especial que non podía faltar en ningún banquete, a flor do azafrán, xa en coroas ou mesturada co viño; o seu cheiro tiña o poder de previr a borracheira e regalar un doce sono a aqueles convidados que se deixaran tentar en exceso polo pracer da bebida. O azafrán é a metamorfose do sangue de Croco, a lembranza da súa cabeleira dourada, un agasallo dun imprudente  Mercurio apenado de lle provocar a morte.

Antes e despois de cada comida todos os convidados realizaban rituais de purificación, tomaban un baño antes de comer e pasaban por auga as mans ó rematar. Os escravos estaban á disposición dos convidados para lavábarlles os pés, limpiárlles a uñas e perfumalos.

Sería fácil pensar no sentido hixiénico destes hábitos, considerados coherentemente, teñen todas as trazas de rituais de purificación física e moral, que acabarán pasando a tradición cristiana e a outras, deixando na actualidade pegadas aínda  moi vivas nas distintas cerimonias sociais.

Bibliografía: Jean-Nöel Robert. Los placeres en Roma. Edaf-. 1992

Os comentarios están pechados.