A FELICIDADE DE REGALAR

Regalos

Felix/Felicitas: felix, que produce froitos, fecundo (= Ferax), fértil. Felix especializouse no senso de ‘favorecido polos deuses’ e tamén ‘favorable ou propicio’; felicitas, fecundidade, fertilidade, e, sobre todo, felicidade. (Ernout/Meillet)

“¿por que se din palabras de bo agoiro nas túas calendas,

e expresamos  e recibimos desexos recíprocos?”

Entón o deus, apoiándose no bastón que levaba na súa dereita,

di: ”Os agoiros adoitan atoparse nos principios,

escoitades supersticiosos á primeira palabra

e o augur consulta a ave que ve primeiro.”

Ovidio, Fastos I, 175 ss.

¿Cantas veces nos preguntamos por que razón nos felicitamos por aninovo, por que comemos ata estoupar en reunións familiares ou  de empresa, por que consumimos sen moderación todo tipo de postres doces e viños espumosos e sen espuma, por que nos facemos regalos neste tempo de transición, cando queda atrás o vello e esperamos os beneficios do novo?

O día primeiro de xaneiro, coa toma de posesión dos cargos consulares, os romanos intercambiaban as strenaeStrena: significa bo presaxio, e en particular o regalo que se fai como desexo de bo presaxio, aguinaldo (que resulta da expresión hoc in anno); strenam vocamus quae datur die religioso ominis boni gratia (Fest. 410, 25). Simmaco, (Epist. 10, 35) atribúe  ó rei sabino Tacio a introducción das strenae en Roma:  

O costume das estreas de marzo (este era o primeiro mes do ano no primitivo calendario romano) foi crecendo case desde o comezo, pola autoridade do rei Tacio, que recibiu o primeiro ramas da árbore do mel procedentes do bosque de Strenia como agoiro de ano novo.

Do bosque sagrado da deusa Strenia recibían os primeiros romanos unhas ramas como sinal de bo agoiro. Strenia era un divindade dos antigos sabinos relacionada coa saúde que tiña como fogar un arbusto de romeu? (verbenas melicis arboris/ ramas da árbore do mel) non lonxe de onde hoxe se ergue o Coliseo.

Regalos-Navidad

O mesmo ritual repetíase o primeiro de marzo o que non debe de sorprender xa que o calendario primitivo romano comezaba co mes de marzo e Xano era o deus portector de todas as calendas por ser estás o primeiro día de cada mes. Pola mesma razón hai coincidencia nas prácticas rituais de fin de ano e o entroido.

As calendas de xaneiro, mes que, sen selo, nun principio acabou como ponte dun ano a para outro, estaban consagradas ó deus Xano, que simbolizaba o tránsito, polas súas dúas caras, contrapostas unha á outra, mirando ó mesmo tempo para adiante e para atrás [Ianus Anceps], e pola forma do seu templo  que ten dúas portas opostas. Está considerado como o deus dos comezos: penes Ianum sunt prima; penes Iovem summa. Varrón ap. Aug. Ciu. D. 7, 9. [ Os comezos correspóndenlle a Xano, os finais a Xúpiter]

Xano sería nun principio unha divindade semellante a Xúpiter, deus pai e deus do ceo, o que non é atranco para que a súa figura sufrise unhas cantas adaptacións, tal como analiza Frazer no seu traballo Les origes magiques de la royauté. Xano era un deus relacionado coa agricultura  a quen desde antigo se invocaba para que os froitos fosen bos. Probablemente sexa a evolución dun deus indoeuropeo con funcións de deus supremo e creador. Asociado a Iuturna, a súa esposa, e a Saturno, a quen el acollera en Roma.


Este texto de Isidoro de Sevilla ilustra cómo se celebraban as calendas de xaneiro entre os séculos IV-VII, e como a Igrexa se ve na obriga de poñer couto o que desde a súa moral predicada non era outra cousa que turpius nefas [a maldade máis terrible]

Instituiu a Igrexa o xexún nas calendas de xaneiro por mor dun erro propio da xentilidade. Foi Xano certo príncipe dos paganos, polo que se lle deu o nome ó mes de xaneiro e ó que os homes inexpertos, honrándoo como a un Deus, outorgáronlle honores relixiosos e consagráronlle un día con festas suntuosas e rexouba. Así os pobres homes e, o que é peor, os fieles mesmos, durante este día, tomando monstruosas aparencias, disfrázanse á maneira das feras, outros toman aspecto de muller, afeminando o seu masculino. Algúns mánchanse o mesmo día coa consulta dos agoiros, fan rebumbio e danzan,  cometendo unha iniquidade máis torpe, pois únense os de un e outro sexo formando roda e a turba carente de espírito excítase con viño….

De Ecclesiasticis Officiis, I, XLI: “Divi Isidori Hispalensis episcopi opera”

As festas das calendas de xaneiro eran a finais do imperio un ritual globalizado e uniforme, desde Oriente a Occidente, de Grecia a España, de Xermania a Italia: o primeiro de xaneiro facíanse regalos mútuos (strenae) e saían pola rúa comparsas de homes disfrazados. En Galicia consérvase aínda hoxe a tradición das estreas ou cantos de Reis, que coinciden en moitos aspectos coas Janeiras portuguesas:

despedida de ano vello

entradiñas de aninovo,

os señores desta casa

as teñan con grande gozo

Así cantan os rapaces e os mozos polas casas, acompañados de gaita bombo e tamboril reclamando un aguinaldo, que podía ser unha ducia de ovos frescos, carne, calderilla, mentres desexan, a quen lles dá, que todo lle vaia ben no ano que comeza.

Hai autores que consideran que se trata dunha festa de orixe grega e que os romanos se limitaron a cambiarlle o nome, mantendo o espírito e a forma dunha festa dionisíaca. Todos os pobos de Europa celebraban inicialmente esta festa cheos de espírito relixioso aínda que posteriormente se convertese nunha entroidada só con fins de divertimento.

                                                                                                      José M. Otero


Os comentarios están pechados.