DURMIDA Á SOMBRA DOS SALGUEIROS

Ven aquí, Marte guerreiro, deixa a un lado a lanza e o escudo e libera a túa cabeleira do casco brillante. Minerva promove guerras, pero tamén se ocupa de artes nobres.

Ovidio, Fastos III, vv.1 e ss.


 

Paseabas sen casco á sombra amena dos salgueiros, coas túas guedellas roxas ó aire, presentindo a primavera sagrada; esculcabas os gromos das árbores e as plantas, despreocupado da lanza e o escudo, cando a sacerdotisa de Vesta te conquistou para que lle deses a este pobo, que agora chamamos Roma, a semente da que naceu a gran cidade.
¿Por que non empezar a falar de quen pola súa beleza cativou a un deus? A vestal Silvia, despois de coidar do lume no templo de Vesta, como era a súa obriga, baixou unha mañá a buscar auga coa que purificar os obxectos de culto. Por un carreiro de suave pendente camiña ata o río. Sobre a súa cabeza, axustada sobre un pano moído, levaba unha ánfora de barro que, ó chegar, pousa na herba; incomodada polo peso e o calor, repousa mentres pon en orde o seu cabelo desamañado. Exhausta, senta no chan, afrouxa o vestido e, co peito ó aire, abandónase á brisa que lle regalaban a frescura das árbores e a auga do río.
Sentada como estaba, a sombra dos salgueiros, os chíos dos paxaros, e o murmurio monótono das augas invitárona ó sono. Silenciosa como un ladrón, a branda quietude esvarou polos seus ollos vencidos, e a man na que apoiaba a cabeza quedou sen forza, débil como un xunco, e o seu queixo, desprotexido, no aire cun aceno de mol inseguridade.

Adaptación de Ovidio, Fastos III, vv.1 e ss.

SEGUIR LENDO: ASUNTOS DE AMOR E GUERRA 

Deixa unha resposta

Tes que iniciar sesión para publicar comentarios.