MAL AGOIRO, RINCHAN OS CABALOS

“Cando descubran as cinzas de Capys, un descendente de Iulo morrerá a mans duns familiares, pero non tardará en ser vingado polas desgrazas de Italia“.

[Contido dunha prancha de bronce que se atopou na tumba escavada de Capys] Suetonio

 

Relata Suetonio na “Vida dos doce Césares”  un  rumor que corría por toda Roma como unha mensaxe de mal agoiro nos días previos ós Idus de Marzo: que os cabalos consagrados ós deuses por César ó pasar o Rubicón andaban soltos, sen dono, que se negaban a comer e rinchaban como se chorasen. Algún arúspice ousou dirixirse a César aconsellándolle  que se gardase do perigo que o ameazaba para os Idus  de Marzo. Estaba tan convencido César do seu poder que mesmo desprezou o valor dos presaxios e os consellos de augures e arúspices, os que consideraba unha gavela de falapoucos e baralleiros. Non lle tiña medo á morte, pois nin sequera aceptaba a súa propia garda persoal e, o que era peor, mostraba certos acenos tan  autoritarios de desprezo  ós senadores que moitos deles sentiron a súa dignidade ofendida.

 

Desde o seu triunfo en Hispania non deixaba de ser colmado de honores. sacrificios polo seu aniversario (honor divino reservado ós reis no mundo grego), votos anuais polo seu benestar, a inviolabilidade da súa persoa. Nas cidades de oriente xa lle concederan honores iguais ós deuses. Noutra ocasión, aínda que con non disimulada teatralidade, diante do pobo, desprezaba outros honores , como a renuncia a unha diadema real durante as Lupercalia, quizais co propósito de non asustar os defensores das liberdades da República romana. Pero foi a concesión da ditadura vitalicia o que lle  pareceu inaceptable a senadores convencidos por tradición de que a esencia da República residía na liberdade. Este ano eran pretores Casio e Bruto, os cales tiñan na súa liña dinástica verdadeiros defensores da liberdade e contrarios ó poder monárquico,  ó extremo de ter acuñado noutros tempos  moedas coa lenda: “Liberdade”.  PARA SEGUIR LENDOOs idus de marzo (PDF)

Os comentarios están pechados.