FUN CLORIS, AGORA SON FLORA

eureacloris

MAGNOLIA123

“Eu era Cloris, aínda que agora me chame Flora. Unha letra grega do  meu nome corrompeuse no termo latino. Era Cloris, ninfa das chairas felices, onde sabes que antes homes afortunados tiñan o seu medio de vida; modesta como son resúltame incómodo expor a beleza que me adornaba. Pero esa beleza deulle á miña nai un deus por xenro. Era primavera e ía eu paseando; o Céfiro descubriume,  pero puiden librarme del. Perseguiume, eu fuxín; el era máis forte. E o Bóreas que ousara, soplando do norte, levarse como prea  da casa de Erecteo a súa filla Oritiia, déralle ó seu irmán vía libre para a pillaxe. Non obstante, emendou o seu acto violento, dándome o nome de esposa, e no me queixo do meu matrimonio. Gozo dunha primavera eterna. O ano sorrí sempre, as árbores teñen sempre follas, a terra sempre verde. Teño nos campos da miña herdanza un xardín exuberante , o vento respéctao e unha fonte de auga cristalina régao. O meu marido cubriu este xardín de flores xenerosas e díxome: “Ti, deusa, ostenta a soberanía das flores”. Quixen contar moitas veces  a serie das cores e non puiden; a cantidade excedía calquera conta. 

explosionfloral

Así que  se esvaeceron das flores a rosada e o orballo, e as follas  recibiron os raios do sol, acudiron as Horas, lucindo roupas de cores vivas, e recolleron os meus regalos en leves canastros. Nese mesmo momento achegáronse as Cárites e teceron coroas e grilandas que servisen para cinguir as tempas dos deuses do ceo.  Fun a primeira en esparexer  as novas sementes  polos campos do mundo.  Antes a terra tiña unha soa cor. Fun a primeira en facer do sangue de Xacinto unha flor, e nas súas follas pode lerse a súa queixa. Tamén ti, Narciso, tes o teu nome nos  xardíns cultivados; pobre, o seu dobre era irreal. Que vou contar de Croco, a flor do azafrán, ou de Atis o das violetas, ou de Adonis, o das anemones?

                                                                                                                Adaptación de Ovidio, FASTOS, V, 195-275

PARA SEGUIR LENDO picar  CLORIS LECTURA PARA AS TARDES DE PRIMAVERA

Deixa unha resposta

Tes que iniciar sesión para publicar comentarios.