CANDO A AURORA ESPERTA CEDO

“A estrela vixiante da mañá chega desde as augas orientais. Ide, boas nais, e ofrecede as tortas de dourado cereal á deusa Ino de Tebas. Pegada ás pontes, e  preto do Circo Máximo, hai unha chaira que chaman foro Boario. Contan que alí o día once de xuño o rei Servio inaugurou un templo dedicado á Mater Matuta. ¿Por que aparta as escravas do limiar do seu templo e recrama pasteis cocidos?”

Ovidio, Fastos, 6, 474

“[As mulleres] fan que unha escrava entre no recinto sagrado, baten nela con vergallos e despois bótana fóra; ademais levan nos brazos e tratan con especial agarimo , mentres dura a cerimonía, os fillos das súas irmás, como se fosen seus”

Plutarco, Vida de Camilo, 5,2

A Noite e a Aurora, mudando  completamente a cor, dan de mamar ambas as dúas, a un único recén. Entre o ceo e a terra el brilla ó lonxe  como unha xoiiña de ouro.

Himno a Agni,  1, 96

Once de xuño,  desde o espertar as damas romanas de primeiro matrimonio celebran  as Matralia para honrar a Mater Matuta, a Aurora vixiante que inaugura as horas da mañá para deixar o día madurado en mans de Fortuna. O solsticio de verán está a  chegar. Desde os días do solsticio de inverno a Aurora espertaba  cada vez máis cedo e non deixaba de roubar horas as tebras da Noite.

Que cos primeiros calores de xuño  a Aurora comezase a lacazanear e a amosarse conformista enchía de desasosego e sementaba temores e desconcerto entre as mulleres romanas. Para elas a escuridade da noite  era como un cova confusa e envurullada  chea de demos e monstros enloquecidos, que traman inmisericordes e teimudos  milleiros de perigos para a familia e a Res Publica. Momento crítico no ciclo solar, desacougo e impotencia a un tempo, pero sempre queda o soño de poder botarlle unha man á natureza para que a Aurora esperte e non esmoreza, que tome nova forza a chama moribunda e reviva.  Confían  cegamente nos rituais máxicos  que protexesen dos sinais de abatemento que ameazaban a vida e os éxitos de Roma e os romanos, era preciso dobregar a boa vontade de Mater Matuta cos ritos que a ela  máis lle compracen.

 

Dies festus, pola mañá cedo un remoiño de mulleres, entre un frufrú de stolae e pallae, baixara polo Velabrum cara  ó templo de Mater Matuta, preto da porta Carmental na ribeira esquerda do Tíber. Escoitábase polo aire un caudal desbordado de voces femininas mesturadas cun rebulicio de meniños. Unha brisa matutina acalmaba as mulleres reunidas  diante do templo, faise primeiro un silencio sobrecolledor, un silencio sagrado, un silencio que conmove a homes e deuses. Homes e deuses espectantes.

As festas nunca o son por casualidade, nunca están nas mans do azar. Non é casualidade que a festa da Aurora se celebre seis meses despois, con precisión matemática, da festa consagrada ó Sol, no solsticio de decembro. Nunca os romanos celebraron nada sen que desa celebración se derivase algún interese: influir sobre a marcha de calquera acontecemento desexado ou temido, xa dependan da disposición da divindade ou de acenos ou palabras manifestados por una divindade ou calquera devanceiro en tempos pasados.

O silencio sagrado incial vaise quebrando como vidro fino nos arredores do templo de Mater Matuta. Óense primeiro timidamente voces de criaturas apagadas polas das súas nais, pero de seguido son as bonae matres as que, despois de ofrecer tortas redondas e amarelo ceral á deusa, expulsan do  recinto sagrado  a unha escrava a vergallazos  e empurróns,  e desafogan a angustia contida dos últimos días. Gritan as irmás dispostas a entregarlles os seus fillos que as celebrantes toman nos seus brazos con agarimo de nais para llos encomendar á deusa.

Nos arredores do templo de Fortuna, co que o de Mater Matuta compartía espazo físico e mitolóxico, contadores de historias e poetas  cantaban o misterio que  envolvía a celebración de aquel día e os seus escuros ritos. Os contadores de historias relataban   a fortuna de Furio Camilo, cinco veces dictador,  que vence ós de Veies,  ós latinos e ós volscos,  ós celtas, e a Breno; batallas que se inician sempre coa Aurora e que  coa axuda  da Aurora se vencen desde as primeiras escaramuzas: “O romper a Aurora, Camilo estaba alí, diante del”. Outros contan a historia do rei Servio Tulio a quen se lle debe a fundación do templo de Mater Matuta no foro Boario.

 

Os poetas empeñábanse en explicar en versos hexámetros que se gardaba naqueles ritos escuros, cargados de símbolos, que so eran ecos case que apagados de mitos moi antigos, xa perdidos baixo o peso da influencia grega: o que viña de acontecer no templo reproducía dramáticamente o que a deusa Aurora fai no ceo, un acto negativo expulsando a escuridade inevitable, que como un enemigo desasosega, e  un  acto acto positivo, acoller e amosar o novo sol que asoma tras o horizonte. As celebrantes son moitas porque representan as numerosas auroras particulares que inauguran todos os días do ano indefinidamente. Se no segundo acto as mulleres que participan no ritual non encomendan á deusa os seus propios fillos senón os das súas irmás é para significar que ó dispoñer dun tempo moi escaso, case efémero, elas por si mesmas non poden xestar o sol, polo que so lles queda acoller os soles que as  súas irmás criaron.

A Aurora, a filla do ceo, a deusa irmá,  coa nai do sol, a Noite ou quen sexa, inteveñen en harmonía cósmica. Aínda que unha se impón, non rifan  entre elas, non se enfrontan nin deteñen o seu camiñar, seguen sen parar a unha á outra, compartindo un pensamento único. Cada unha coa súa forma, sombría a Noite, brillante a Aurora. https://es.wikipedia.org/wiki/Matralia

José M. Otero

 

Deixa unha resposta

Tes que iniciar sesión para publicar comentarios.