A PASAXE DO VIVIR

XANO, O SEÑOR DOS TRES TEMPOS

O deus Xano é propiamente o ianitor que abre e pecha as portas do ciclo anual coas chaves que son un dos seus principais atributos. Será imprescindible non perder de vista ó simbolismo axial das chaves, que ten que ver co sentido temporal do simbolismo de Xano, as súas dúas caras consideradas como representación do pasado e do futuro, segundo a interpretación máis común. Agora ben, esta consideración do pasado e do futuro ímola topar en calquera ciclo, cando se considera desde cada un dos seus extremos. Desde este punto de vista é importante engadir, para completar a noción “tres tempos”, que entre o pasado, que xa non é, e o futuro, que aínda non é, a verdadeira cara de Xano, a que mira ó presente, non a podemos ver porque a manifestación temporal do presente é só un instante imperceptible; pero, polo contrario, se un se eleva por riba destas condicións de transitoriedade e manifestación continxente, o presente contén toda a realidade.

No simbolismo hinduista a terceira cara de Xano correspóndese co ollo frontal de Shiva, tamén invisible, xa que non está representado por ningún órgano corporal, o cal representa o sentido de eternidade; unha mirada desde este terceiro ollo reduce todo a cinza, destrúe toda manifestación, pero cando a sucesión se transmuta en simultaneidade, o temporal en intemporal, todas as cousas se encontran de novo e permanecen nun eterno presente, así que a aparente destrución é simplemente transformación..

AS CHAVES DAS PORTAS DOS SOLSTICIOS

Tornemos de novo ó que concerne ó ciclo anual: as portas que Xano ten a función de abrir e pechar non son máis que as portas do solsticio. Xano dá o nome a xaneiro, o primeiro mes do ano, que comenza no solsticio de inverno. Ademais as festas de Xano, isto aclara máis a cuestión, celebrábanse en Roma nos dous solsticios baiixo a responsabilidade dos Collegia Fabrorum (gremio de artesáns).

As portas solsticiais dan acceso ás dúas metades, ascendente e descendente, do ciclo zodiacal, que son os respectivos puntos de partida. Xano, a parte de “señor do triple tempo”, como Shiva, resulta ser o señor das “dúas vías”, esquerda e dereita, que os pitagóricos representan coa letra Y, e que se corresponden co deva-yana (Porta dos deuses) e pitri-yana (Porta dos homes) (yana, da mesma raíz que o latín ire, de onde deriva Ianus). Á luz disto pode parecer que as chaves de Xano, de acordo coa tradición cristiana, abren e pechan o reino dos ceos (corresponde co deva-yana).

Polo demais, as dúas chaves, unha de ouro e outra de plata, serían as dos “grandes misterios” e os “pequenos misterios”. Xano tamén é o deus dos iniciados, razón pola que preside as festas dos Collegia Fabrorum, sendo estes últimos os fideicomisarios das iniciacións que , como en todas as civilizacións tradicionais, estaban ligadas á práctica da artesanía. Debemos recalcar que aí hai algo que lonxe de desaparecer coa antiga civilización romana continúa co cristianismo, e aínda hoxe en día podemos atopar trazas. No cristianismo os festivais solsticiais de Xano correspóndense coas festividades dos dous San Xoáns, e celébranse no mesmo periodo, nas proximidadades dos solticios de inverno e verán.

OS SAN XOÁNS DE CADA SOLSTICIO.

O que é tamén bastante significativo é o aspecto esotérico da tradición cristiana, que sempre foi considerada como “xoanina”, o que confire un significado que vai máis aló do simple domininio esotérico e relixioso, calesquera que sexan as aparencias externas. A herdanza dos antigos Collegia Fabrorum foi regularmente transmitida ás corporacións que ó longo da Idade Media mantiñan o mesmo carácter iniciático, especialmente a dos gremios dos constructores, que por iso teñen como patróns os dous san Xoáns.

Aínda que por regla xeral se considera que o verán é a estación alegre e o inverno a triste, polo simple feito de que a primeira representa o triunfo da luz e a segunda o da escuridade, os dous solsticios, non obstante, teñen en realidade un carácter oposto. Isto pode resultar paradóxico, pero desde que se ten coñecemento da ensinanza tradicional no curso do ciclo anual é fácil de entender que iso debería ser así. De aí que o que chegou ó seu máximo pode somente diminuir, e o que acadou o seu mínimo, polo contrario só pode crecer. O solsticio de verán marca o comezo da metade que decrece do ano e o solsticio de inverno, a metade que crece, e, desde este punto de vista, o seu significado cósmico, cando San Xoán, nado no solsticio de verán, di: “El ten que crecer (Cristo nace no solsticio de inverno), e eu decrecer” (Xoán, 3, 50). Na tradición hindú a face ascendente do ano está referida á deva-yana (A porta dos deuses), e a descendente á pitri-yana (A porta dos homes).

Consecuentemente no zodíaco, o signo de Cáncer, que corresponde ó solsticio de verán, é a “porta dos homes” que dá acceso a pitri-yana, e o de Capricornio, que corresponde ó solsticio de inverno é a “porta dos deuses” que dá acceso ó deva-yana. En realidade a metade ascendente do ciclo anual é o período alegre, benéfico e favorable, e a descendente a triste, maléfica e desfavorable; e o mesmo carácter pertence naturalmente á porta que abre cada un destes periodos nos que se divide o ano pola simple dirección do movemento do Sol.

Sabemos ademais que as dúas festas cristiás de San Xoán están referidas ós solsticios, e o que é de subliñar, aínda que dea a impresión de que non o notamos, é que o ascendente e o descendente son, en certo modo, expresados polo significado do nome de Xoán. En hebreo hanan ten o doble sentido de ‘benevolencia’ e ‘misericordia’, e tamén ‘loubanza’; en consecuencia o nome de Xoán pode significar ‘Misericordia de Deus’ ou ‘Loubanza a Deus’. Agora é fácil de apreciar que o primeiro pertence a San Xoán Bautista e o segundo a San Xoán Evanxelista. Ademais tamén se pode dicir que a misericordia é obviamente descendente e a loubanza ascendente, que nos trae de novo a súa correlación cos dúas metades do ciclo anual.

BIBLIOGRAFÍA:

René Guénon, Symbols of Sacred Science, pxs. 235 e ss.

José M. Otero

Deixa unha resposta

Tes que iniciar sesión para publicar comentarios.