FEBREIRO MÁXICO E LUSTRAL

Februus, -a, -um: ‘que purifica’, ‘purificador’. Antigo adxectivo da lingua relixiosa, de orixe sabina. Personificado Februus ven dar no nome dunha divindade infernal,  Plutón: Februus autem est Ditis pater cui eo mense sacrificabatur. [Februo é Plutón, o deus a quen neste mes se lle facían sacrificios] Servio, G. 1,43

Lustrari…eo mense civitatem necesse erat, quo statuit [Numa] ut iusta Dis Manibus solverentur [Neste mes,  no que Numa decretou que se tributasen honores ós deuses Manes, era necesario que se purificase a cidade].  Macr. Sat. 1,13,3.

Februa é un epíteto de Xuno, derivado do nome da esposa de Februus. O neutro februum  emprégase co sentido de purgamentum da ofrenda purificatoria, e en particular do sal quente: Lupercalibus salem calidum ferunt, quod februum apellant.

O sal sempre se considerou unha pedra sagrada (por ser a única pedra comestible, pola capacidade conservante, pola súa cor branca) empregada nas cerimonias de maxia e relixiosas para expulsar do corpo os demos e os malos espíritos.

As festas Lupercais celebrábanse en Roma o 15 de febreiro. Neste ritual o sacerdote tocaba a fronte dos mozos cun coitelo manchado do sangue das vítimas sacrificadas, de seguido limpábaos  cunha piola de la empapada en leite; estes mozos escollidos, de súpeto, botaban a rir con gran estrondo e de seguido dá comezo unha procesión durante a cal van azoutando coas tiras de pel do animal do sacrificio as mulleres que se lle achegan co propósito de ser parte deste rito de fecundidade. Hai investigadores que ligan a festa cristiá da Candelaria do 2 de febreiro coas Lupercalia (candelas, danzas, mascaradas).

Februarius, mes das purificacións: februarius mensis dictus, quod tum, i.e. extremo mense anni, populus februaretur, i.e. lustraretur ac purgaretur  P.F. 75,23 [Este mes chámase febreiro porque, ó ser o último mes do ano, a xente purificábase ou, o que é o mesmo, limpábase e purgábase]

Parece, tal como lemos en Ovidio, que varias cerimonias de orixes diferentes se mesturan e confunden nestes rituais purificadores de febreiro: unha cerimonia de lustratio, sacrificios expiatorios ás divindades infernais (o mes de febreiro estaba dedicado ós Manes (Ánimas) e un rito de fecundación (Lupercais).

“Os antepasados romanos chamaron februa ós instrumentos de purificación. Moitos indicios dan fe desta palabra. Os pontifices pídenlle ó rei  e ó  flamen unhas las que na lingua dos antigos recibían o nome de februa; as tartas tostadas e o sal que recolle o lictor para purificar as casas despois de varrelas denomínasen tamén februa. O ramallo de árbore que cobre as castas tempas  dos sacerdotes chámase igual. Eu mesmo vin cos meus propios ollos como a muller dun flamen solicitaba os februa, e lle deron un ramallo de pino. En fin todo aquilo co que purificamos o noso corpo  recibía este nome entre os nosos barbudos avós. O mes recibe este nome dos februa, ben porque os Lupercos cortan unha pel e limpan todo o chan empregándoa como instrumento de purificación, ben porque o momento é puro xa que se fixeron ofrendas de paz ós sepulcros e xa pasaron os días dedicados ós mortos.”

OVIDIO, Fastos II, 19 e ss.

José M. Otero

Os comentarios están pechados.