DIABÓLICO CARNAVAL

O caos, o rebumbio, o aceno comunal de poñer o mundo do revés, a desorde diabólica, en dúas palabras, constitúe un elemento común a todas as festas que durante séculos organizaban o tempo do solsticio de inverno ou o que podería ser o tempo ritualizado dun novo ciclo anual. A liturxia da Igrexa, que tanta importancia ten na adecuación dos rituais paganos ós estrictos modelos da relixión dominante, emprega, para denominar este período litúrxico, a significativa expresión de Tempo Ordinario; unha denominación intranscendente que contrasta coa fondura espiritual que suxire a de Tempos Fortes de Nadal e Coaresma.

Na Festa do Asno (ó longo a Idade Media ata o século XV celebrábase o 14 de xaneiro), este animal, do que o simbolismo propiamente diabólico é ben coñecido en todas as tradicións, é conducido ata o presbiterio dunha igrexa onde, nun lugar de honra, recibe mostras de veneración (K. Jung, entre outros, tenta desvelar a complexidade significativa do asno  relacionándoo coa forza interna do mal e co poder inconsciente da culpa. Por iso, desde unha perspectiva onírica, interpreta a aparición da figura do asno en determinados soños como portadora de destrución e morte, a representación da totalidade do mal).

Igualmente resulta ilustrativa, para o que queremos subliñar, a Festa dos Loucos (tamén chamada a Festa das Calendas por se celebrar o primeiro de ano fundamentalmente, desde a Idade Media ó século XVI, momento no que foi prohibida), durante a cal o clero menor entregábase ós peores improperios, parodiando a xerarquía eclesiástica e a liturxia mesma. Os tolos ían disfrazados cunha careta que reproducía esaxeradamente as orellas dun asno (Referencia satánica).

Non deixa de sorprender que nunha época tan estricta coa regulación canónica e o control dos seus fieis por parte da Igrexa estas parodias con certo aroma a sacrilegio fosen non son permitidas senón tamén oficialmente aprobadas.

Se botamos unha ollada máis atrás no tempo, as Saturnalia romanas, das que o Carnaval actual resulta ser unha tímida sombra, deixan entrever certos trazos diabólicos: os escravos daban ordes e servían ós amos. Recreaban deste xeito un mundo do revés onde todo sucedía de forma contraria ás relacións cotiás habituais. Aínda que hai investigacións que ven neste ritual o retorno a mítica Idade de Ouro quizais resulte maís preciso interpretalo como a representación primordial da indiferenciación das funcións sociais, na mediada que fose posible en cada momento histórico, ou unha inversión das relacións xerárquicas, o que constitúe unha das máis significativos trazos do maléfico. En definitiva, é maís doado descubrir a face máis sinistra de Saturno, non a do deus da Idade de Ouro, civilizador, senón a do deus caído, deposeído do poder; un aspecto maléfico cíclico que non invalida o seu aspecto benéfico.

A vivencia das Saturnais ofrecería unha fórmula que permitiría satisfacer as inclinacións máis baixas do ser humano caído, esas que o obrigan a sacar ó exterior os instintos máis elementais da súa natureza. Non lle demos máis voltas, estamos diante dun instrumento que permite dar canle a esas paixóns de por si incontrolables e facelas inocuas socialmente ó darlles a ocasión de que se manifesten nun periodo moi limitado de tempo, en determinadas circunstancias e baixo uns estrictos límites que xamais deberían ser traspasados. De non ser así, estas mesmas paixóns, ó non ser satisfeitas, estourarían irremediablemente poñendo en perigo a existencia individual e colectiva, dando lugar a un balbordo de consecuencias bastante máis serias e imprevisibles. Son días regulados e reservados con este propósito canalizador. Son días que, ó estar considerados fóra do normal curso da vida, non van exercer ningunha mala influencia, nin tampouco hai nada que non estea previsto neles. Ata certo punto normalizan o desorde e integrano dentro dun orde total.

Certos riscos que descubrimos nas máscaras confirman definitivamente todo o que ata aquí levamos exposto. As máscaras subliñan xeralmente o horripilante, mesmo a fealdade, cando evocan formas de animal ou de demo, de tal xeito que son como a expresión material da peor/diabólica natureza do ser humano. Ademais cada persoa, sen ser consciente, escollerá bastante naturalmente entre aquelas máscaras que mellor concorden coa súa forma de comportarse. A máscara, que sería un modo de disfrazar o verdadeiro rostro individual, acaba por ser a evidencia reveladora, unha inversión, unha verdadeira falsificación satánica de todo aquilo que o seu portador/a está obrigado a disimular, os instintos máis básicos e vergoñentos.

Bibliografía:

René Guénon, Symbols of Sacred Science. (2004)

Mircea Eliade, Tratado de Historia de las Religiones. Morfologia y dialéctica de lo sagrado. (2009)

Mircea Eliade, El mito del Eterno Retorno. (2011)

Caro Baroja, El Carnaval. (1989)

José M. Otero

Deixa unha resposta

Tes que iniciar sesión para publicar comentarios.