NOMINA STULTORUM IN MONTIBUS USTIS

¿Quen non esgotou este últimos días a nómina de improperios contra os incendiarios das Fragas do Eume, ou Castrelo do Val, por falar dos máis recentes? Pero semella que os diccionarios non dan abasto para satisfacer a necesidade de descargar as iras contra quen atenta contra nós mesmos, contra a nosa vida, que é a vida da nosa natureza, pero tamén contra a incapacidade de quen tendo que protexela a descoida impunemente.
Poucas veces o campo semántico da estupidez foi tan consultado e tan requerido, todas as palabras en abano saíron escopetadas dos diccionarios. Todas elas, cargadas de furor, quedaron flotando entre a fumareda que cubría os ceo á espera de caer coma kilos de pedrazo sobre as cabezas dos responsables/irresponsables.
Psicoloxicamente o improperio resulta terapeútico na medida en que satisface a liberación de toda a ira que nos inflama interiormente e nos permite descargala contra quen nola provoca, ou, o que é o mesmo, contra os incendiarios e os desidiosos. Pero resulta que ambos son fantasmagorías, non os coñecemos, non nos é posible mirarlles á cara, escápansenos á nosa mirada, imposible telos diante como dianas tentadoras e fustigalos sen tino.
Quédanos un consolo, entender en toda a súa extensión o sentido de cada un deses improperios, desde o latín ata hoxe, para poder guindarllos á cara , aínda que sexa só una ilusión óptica e un esforzo figurado contra os desalmados para que se consuman no lume eterno.

Aí vai unha lista: STUPIDUS, BARDUS, BRUTUS, STULTUS, STOLIDUS, INEPTUS, INSULSUS, FATUUS et alia: ‘estúpido’, ‘bestia’, ‘tonto’, ‘fato’,'imbécil’, ‘necio’, ‘parvo’, ‘papán’.
Se tomamos como termo de comparación a intelixencia ordinaria do home, podemos distinguir entre estes termos: stupidus, bardus, brutus, que presentan esta calidade polo seu lado negativo, coa diferenza de que stupidus (ver stupere, stupor) dise dunha persoa a quen as impresións recibidas privan da súas facultades intectuais nun momento dado, un individuo que se atopa desconcertado polo atordamento, polo asombro ou polo medo, é dicir, estúpido, atordado. Bardus, segundo Festo, resulta o equivalente de tardus ingenio, aquel a quen lle costa traballo entender calquera cousa, lento. Brutus, segundo Festo : brutum antiqui gravem dicebant, ou o que se entende por ‘lento de espírito’, ‘estúpido’, ‘ bobo’ ‘apampado’.

Stultus, stolidus, fatuus, presenta esta calidade polo seu lado positivo, encanto está viciada e alterada por determinadas causas, coa seguinte diferenza: stultus, por oposición a prudens, por falta de prudencia práctica, por imprevisión, irreflexión, credulidade; stolidus, por falta de luces e de bo xuízo, é a parvada unida á suficiencia. Nesta orde de ideas entran estas outras palabras, ineptus e insulsus. Ineptus ( in+aptus de apere = atar, fixar, adaptar) refírese a aquel que non percibe as relacións que unen unhas cousas con outras. Insulsus (in+ salsus), sen gusto, sen talento, que fai as cousas sen pés nin cabeza, por oposición a acutus. Fatuus envolve a idea destas dúas últimas palabras á vez, o que se achega á demencia, impertinente, sen sentido, o que fala sen ton nin son. Para que máis falar, o bobo de remate que algúns ricos tiñan na casa para divertirse , paiolo, papán.
Deixo aberto o listado por se alguén se anima a completalo, porque outro día falaremos dos imbéciles.