No medio un olmo sombrío onde aniñan os soños vans agochados debaixo de cada folla: os Centauros, Escila e Caribdis, o xigante de cen brazos, a Hidra que brama, a Quimera, Gorgona e as Harpías. ENEIDA, VI, v.290 ss.
nov 1st, 2009 por José M. Otero
O Máis Alá dos romanos: Entre a esperanza sublime e absoluta incredulidade.
O Máis Alá, a inmortalidade da alma, era unha preocupación sen presenza no pensamento cotiá romano. A morte equivalía á nada, a un soño eterno e a vaga supervivencia das formas non pasaban de ser unha fábula. Ningunha doutrina se paraba a explicar que máis alá da morte houbese outra cousa que non fose un cadáver.
Aínda que os romanos celebraban o día dos defuntos entre o 13 e o 21 de febreiro, durante os cales levaban ofrendas ás sepulturas dos seus familiares, non crían que os mortos acudisen a contemplar e respirar o perfume das flores que se depositaban nas tumbas.
O que si mostran os romanos nos ritos funerarios e na arte sepulcral é un empeño por reducir a angustia que precede ó momento da norte, convertendo a tumba nunha morada eterna na que todo se prolonga unha vez que todo rematou e onde a nada adopta a aparencia consoladora dunha monótona identidade: imaxes de navíos, un viaxeiro a cabalo; morte como un descanso despois dunha longa viaxe.
As ideas consoladoras do máis alá nacían do desexo de crer e non da autoridade da relixión, un mesmo epitafio afirma dúas verdades á vez: unha esperanza sublime e unha perfecta incredulidade.
Os epitafios e a arte funeraria teñen o tacto de non suxerir senón ideas consoladoras. Os moribundos non tiñan medo ós castigos mitolóxicos naqueles infernos fantásticos que ninguén tomaba ó pé da letra; eran os deuses mesmos os que daban medo, porque sempre se considerou que estes eran xustos, providentes e vingadores e estaban onde estaban para vingarse da conciencia dos homes.
(Ver Philippe Ariès e Georges Duby. Historia de la Vida Privada.páx 216 e ss.)
A educación non é posible sen que se lle ofreza ó espírito unha imaxe do home tal como debe ser. Nesa imaxe a utilidade é indiferente ou, polo menos, non esencial. O fundamental nela é καλόν, é dicir, a beleza, no sentido normativo da imaxe, imaxe anhelada, de ideal.
Werner Jaeger. PAIDEIA: Os ideais da cultura grega
Heracles é o paradigma do héroe grego: excepcional ou excesivo, máis alá do puramente humano, pero non por iso queda á marxe da condición humana nos seus atrancos, nas probas polas que ten que pasar, nas súas limitacións, na maneira de sufrir, e mesmo no momento decisivo da morte, engulido polas lapas da pira no monte Eta. O que define ó héroe no seu destino de home son as accións que leva a cabo con ousadía e das que sae exitoso, e nestas está Heracles, fillo de Zeus, pero home sufrinte e solitario nas súas accións victoriosas.
A súa humanidade aparece definida aínda máis porque tamén se move nese tempo incomensurable no que actúan os deuses, relacionándose ben ou mal con eles. Ocupa un lugar entre home e deus, e nese espazo principia un combate a brazo partido coa morte, no que ha rebordar sempre os límites tanto espaciais, por terra e mar, como os da súa condición de humano.
Heracles reforza a súa humanidade cando lles fai fronte ós monstros. A condición de heroe tiña como peaxe acabar coa descendencia monstruosa de Forcis e Ceto: Perseo degola a Gorgona Medusa, Belerofonnte imponse á Quimera e Edipo supera os enigmas da Esfinxe. Pero non obstante a resta de monstros cos que ten que lidar Heracles , o maís valeroso de todos os héroes, son a súa coroa de gloria: Xerión o das tres cabezas e o seu can, o león de Nemea e a Hidra de Lerna, o Can Cervero e o dragón das Hespérides que gardaba as mazás douradas. Destas fazañas tres levan ó héroe polo mundo dos mortos, Xerión resulta un doble de Hades, o mesmo que o seu can, irmán de Cervero, a quen tamén acaba sacando inútilmente do mundo das sombras despois dun sanguento esforzo. Por outra banda para poder facerse coas mazás das Hespérides ha de cruzar o lindeiro do Oceano ata chegar ó xardín espléndido das fillas da Noite, divindades seductoras pero temibles xa que gobernan o mundo do Máis Alá.
Así é como Heracles vence a morte, que no ideal heroico significa situar todos os valores na resprandescente xuventude para vencer a vellez. Heracles imponse gloriosamente casando coa eterna Xuventude na procura da inmortalidade. A carreira do héroe desenvólvese neste espazo entre o mortal e o divino.
Heracles, heroe excesivamente humano por José M. Otero está baixo a licenza Creative Commons Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 España License
Abbeville, musée Boucher de Perthes Persée délivrant Andromède.Lemoyne François (1688-1737). (C) RMN / Jean-Gilles Berizzi
As falcatruadas e amoríos de Zeus eran un díxome-díxome entre as divindades do Olimpo. A súa irritable esposa Hera, agoniada e molesta xa de que o corro celestial de murmuradores falasen polo baixiño, volvérase, a máis de revirada, unha consumada virtuosa da arte da vinganza.
O deus fulgurante andaba agora entolecido pola feitizo da bela Dánae, e non daba co atallo para seducila, como a tantas outras mortais, antes e despois da filla de Acrisio. Andou el dándolle voltas na súa cabeza coroada a unha idea nunca vista coa que sorprendela, e cando apagou o sol, deu co agasallo que de seguro impresionaría á aquela moza tan feitiña, a quen desexaba ter nos seus brazos, sen moito tardar aquela mesma noite de ceo cristalino: un estralo de estrelas que caería sobre a amada como unha intensa chuvia de ouro.
Dánae, abraiada pola aparencia imponente do amante e o seu porte divino, deixouse facer. Envoltos polo acougo daquel ceo calmo que os cubría e o silencio da noite, os dous amantes sentíronse engulidos por un vórtice de paixón e prendidos polo lume dun amor desfreado e celestial durante horas interminables, xa que o fogoso Zeus, entregado a amar, perdía con cada suspiro os papeis das leis que rexen o universo.
Noite de perseidas
Unha noite arrebatada e louca, na que beleza e poder acadan o cumio da harmonía, regala un berce mol para que naza e deite nel un heroe: Perseo, o froito predestinado a fender o aire con alas que rincharán ó bater co vento, obrigado a dar fe de que, a parte de fillo de Zeus, era home valeroso, decidido, capaz da fazaña máis increible por amor: degolar a Gorgona e liberar a amada dunha morte inxusta. (Ha continuar)
A lenda no remata aquí. ¿Casará o heroe con Andrómeda? Se mañá vos dades unha voltiña por esta páxina acabaréivolo de contar.
“O máis curioso que vin na miña viaxe foi Pompeia, un sente estar na Antigüidade e a pouco que teñamos o costume de non crer o que foi probado aprenderemos sobre o terreo máis ca un sabio. É un pracer inmenso ver cara a cara esta Antigüidade sobre a que lemos tantos volumes”. (Stendhal)
O pompeiano fai nos muros da súa casa un museo para disfrute del mesmo e da súa familia, as paredes son o espacio para expoñer o seu mundo e a súa cultura: temas mitolóxicos, como na casa dos Vetii, a natureza domesticada en xardíns murais, Semele e Dionisos na villa dos Misterios. Ningunha outra cidade do mundo transmitiu mellor a mensaxe de Venus a través de atrevidas pinturas eróticas de gran realismo e contido sexual explicito que cubren as paredes dos prostíbulos pompeianos.
Escuros ían na soidadeda noite, a través da sombra, polos silenciosos palacios de Dite, como pola lúa incerta, baixo unha luz murcha, vai un camiño a través das selvas. Unha noite negra privou ás cousas da súa cor.Eneida, VI, 268 ss.
A noite está relacionada co feminino, co inconsciente, cos soños. A Noite éNai dos deuses, os gregos pensaban que a Noite precedera a creación de todas as cousas. Por iso a noite é fertilidade, semente, o que pode chegar a ser, non é aínda o día pero é a súa promesa.
Virxilio atopa nestas posibilidades símbólicas un marco ideal para para realzar a finalidade histórica do poema, guiado polo ideal que inspiraba a política de Augusto:gloria do pobo romano e a exposición de virtudes que o fixeron grande, cando Anquises se dirixe a Eneas:
- Vou revelarcheos teus propios fados e a gloria que logo ha de seguir á prole dardania, os netos que da xente itala están reservados e as almas ilustres que se sumarán ó noso nome: o que ocupa o lugar máis preto da luz é Silvio, por el a nosa liñaxe enseñorará Alba Longa, Procas, Capis e Numitor, e Silvio Eneas… Eneida, VI, 765 e ss.
Se che interesa o que ves de ler, podes completalo no documento pdf: polomundodassombras
Se prefires ver a presentación en pantalla máis grande clika en: A madurez da cultura latina
O gran Urano chegou traendo con el a Noite, e ansioso de amor tendeuse sobre Gaia cubríndoa por completo. O seu fillo Cronos, saíndo do escondite a onde o mandara a súa nai, agarrou o temido pai coa man esquerda mentres empuñou coa dereita unha poderosa fouce, enorme e de dentes afiados, e habilmente cortoulle os xenitais e logo guindounos ao chou tralas costas… E os xenitais permaneceron un tempo no mar profundo e de carne inmortal naceu branca escuma na que se alimentou unha nena (sabemos que era Afrodita) que primeiro chegou á sagrada Citerea e desde alí a Chipre, rodeada polo mar.
Velaí que co medo no corpo, para non faltar á palabra, volve ela da cova onde se agachara e busca cos ollos do corazón ao seu amado; está impaciente por lle contar o perigo do que se librara. Así que recoñece o lugar e a moreira, a cor dos froitos énchea de incerteza, mesmo dubida. Mentres dubida, ve que un corpo late tremente no chan ensanguentado; dá un paso atrás, e co rostro máis pálido co buxo estremeceuse como o mar que xeme cando unha leve brisa roza a súa superficie.
Unha vez que recoñeceu ao seu amado, maltrata con sonoros golpes os brazos que non o merecían, arrinca os seus cabelos e, abrazando o corpo de aquel a quen ama, anegou de lágrimas as feridas e mesturou o seu pranto co sangue e cravando os ollos naquel frío rostro gritou:” Píramo, ¿qué desgraza te separa de min? ¡Respóndeme, Píramo! A túa queridísima Tisbe chama por ti; escoita, mírame con eses ollos abatidos”.
Ao nome de Tisbe, Píramo abre os ollos que avetaban a morte e despois de mirala volveunos pechar. Ela recoñece o mantón, ve a vaíña de marfil sen a espada e di: “A túa propia man deuche morte e tamén o teu amor, este darame forza para ferirme. Irei tras túa e da túa morte dirase que fun tráxica causa e compañeira; e ti, a quen só a morte podía arrincarme, ¡ah!, nin a morte poderá arrincarte de min.”
A pietas, coa gravitas (responsabilidade) e a fides (lealtade), é un dos valores claves do ideal de romanidade. A pietas amoris, que se representa con toda a intensidade e dramatismo no relato anterior, é a gran aportación orixinal de Ovidio nunha obra onde o amor é un principio unificador, ningún dos seus predecesores conseguira imaxinar nada parecido. Chama poderosamente a atención un relato dunha intensidade tan humanamente dramática como contrapunto a un mosaico rico de amores divinos.
Haberá que pensar que Ovidio chega a entender que a proposta augústea do retorno á figura da muller tradicional romana xa non era posible na sociedade dos últimos días da República, na que a muller chegara a acadar niveis de liberdade e independencia e igualdade aos que xa non era posible renunciar. A pietas xa non é un valor exclusivo do cidadán romano, é unha forma de recoñecer a importancia da muller na nova sociedade que se abre ao aveiro da pax augustea.
Proposta revolucionaria que quere facer ver a inutilidade da lexislación do emperador César Octavio Augusto para reconstruir unha nova Roma, sobre os principios da tradición.