Ningún historiador das relixións parece dubidar hoxe das semellanzas da festa cristiana de Nadal cos rituais dos cultos de Mitra que tan boa acollida tiveron entre os romanos dos últimos anos do Imperio.
A relixión de Mitra, mesturando un ritual con aspiracións de pureza moral e esperanza de inmortalidade, foi unha rival de coidado da Igrexa cristiana que lles propoñía ós seus fieis respostas idénticas a inquitudes parecidas.

Relief mithriaque de Fiano Romano appelé "Le Soleil et la lune" et Mithra sacrifiant le taureau en présence du soleil et de la lune 2e siècle - 3e siècle ap J.-C.: (C) RMN / Hervé Lewandowski
J.G. Frazer ofrece un dato clarificador que ilustra a longa loita que tiveron que librar as nosas festas do Nadal: no calendario xuliano computouse o solsticio de inverno o 25 de decembro, considerándoo como a natividade do Sol, xa que a partir deste momento crítico do ano a duración do tempo de luz ía incrementándose.
“¡A virxe pariu! ¡A luz está renacendo”, gritaban de noite os celebrantes dos ritos do “Natalis” en Siria e Exipto, e sacaban, para que a adorasen, a figura do Sol representada nun neno recén nacido.

Statuette d'Astarte Crédit photographique : (C) RMN / Philipp Bernard Période : civilisation parthe (247 av. J.-C. au 2e siècle ap. J.-C.)
No solsticio de inverno a virxe que paría o 25 de decembro era a Gran Deusa Celestial do Oriente, Astarté nos paises semíticos, identificada polos seus adoradores co Sol invencible, irreductible, triunfante, eterno, por iso a natividade do Sol cae na mesma data que a Igrexa occidental adoptou a comezos do século IV para comemorar o nacemento do Salvador. Mitra tamén se identificou co Sol.
Os primeiros cristianos non celebraban o nacemento de Cristo, nada contaban os Evanxeos sobre a data, pero pasado un tempo, entre os fieis de oriente, o seis de xaneiro consolidouse pouco a pouco como o día natividade; occidente, que se mantiña á marxe do costume oriental, xa a finais do século III, opta polo 25 de decembro.

Naissance de Jésus-Christ Crédit photographique : (C) RMN / Franck Raux Localisation : Paris, MuCEM, Musée des Civilisations de l'Europe et de la Méditerranée
Un escritor sirio cristiano dános a clave desta decisión : a razón pola que as autoridades da Igrexa adoptan a data do 25 de decembro reside no costume dos paganos de celebrar ese día o nacemento do Sol, facendo luminarias, símbolo da festividade; os cristianos tamén participaban na cerimonia colectiva daquel ritual máxico, vivíndoo con toda a súa intensidade.
Esta inclinación pagana preocupoulles tanto ós doutores da Igrexa que resolveron que o Nadal debía celebrarse o día do ritual das luminarias aproveitando o fervor co que se vivía esa data por parte de crentes e non crentes. Por iso seguen a acenderse fogueiras e fachucos ata o día da epifanía (6 de xaneiro).
Rituais de lume perduran hoxe nas celebracións do Entroido en Laza ou Oimbra (Ourense). Unha mestura das antigas festas saturnais (17-23 de decembro) e a do Sol Invictus.

O ocaso tras Cabo Home. Ría de Vigo. Fot. Juliana Ribeiro
San Agostiño, cando anima os cristianos a non celebrar o día do Sol como tal, senón no nome de quen o creou, deixa entrever a orixe pagana da festividade. E o propio León o Grande condena a crenza de celebrar o Nadal polo nacemento do Sol e non pola natividade de Cristo. Distingamos, pois, entre Nadal e Natividade.
Parece que a Igrexa cristiana levou a celebración do Nadal ó día 25 de decembro co obxecto de transferir a devoción xentil do Sol invencible ó seu Sol fundador e salvador.
As numerosas coincidencias e moi estreitas entre as festas paganas e cristianas, miradas no seu conxunto, permítennos adiviñar o pacto ó que se viu obrigada a Igrexa no momento no que triunfa sobre as relixións rivais.