A DOMUS: espazo privado para o otium e o negotium
nov 11th, 2009 por José M. Otero

No século II a. C. as formas de vida gregas e romanas entraron en contacto e poucos romanos acomodados puideron resistir o atractivo da civilizada vida grega e, aínda máis, moitos romanos sensatos  pensaron que era moito o que podían aprender dos gregos os que se consideraban predestinados a gobernar o mundo. O proceso de helenización dos costumes e da cultura romana apareceu ben definido no século II a.C. Desde sempre o romano sentiu un atractivo polo grego, aínda que non na medida en que sucedeu a mediados do século III a.C., os deuses romanos identificáranse cos gregos, algún que outro romano chegou a falar grego, a arte romana comezou a facerse grande á sombra da grega. Pero  o empurrón definitivo deuse xustamente no século III cando aparecen as primeiras obras de literatura en latín baixo o modelo grego e a escolarización  dáse en ambas linguas. O saqueo de Siracusa (212 a.C.), segundo Polibio, é o feito que marca o gusto pola arte grega: moitas obras chegaron a Roma. As formas de vida das clases altas entréganse sen rubor á batuta do gusto grego.

A domus que tomaremos de referencia ou casa pompeiana deixanos ver na súa organización arquitectónica dúas partes claramente definidas, fiel retrato da división cultural e mental que supuxo para Italia descubrir no seu propio espazo o a beleza e bo gusto do grego. A mentalidade práctica do home romano xiraba ata agora a redor do que se entendía como NEGOTIUM, nos gregos descubren os valores do OTIUM. Esta bipartición arquitectónica responde á necesidade de xuntar no espazo da vida privada unha nova entidade cultural, enriquecedora a todas luces, que do ámbito da vida privada ía a pasar á vida cívica a non moito tardar.

A parte anterior da domus que permite o acceso directamente desde a rúa a quen visite ó pater familias mantén a estructura da casa etrusca, con dous centros de intereses moi definidos o atrium e o tablinum: é o ámbito do negotium, onde o pater familias celebra os cultos do fogar diante do larario coas imagines maiorum (figuras que representaban os devanceiros da familia), onde os tesouros domésticos,  preto do impluvium (pilón no que se recollía a auga da chuvia), esperan a admiración do hospede que ha de resolver co dominus problemas da vida cotiá na urbe.

A parte interior está articulada polo peristilum, de gusto grego, enriquecida cun xardín no patio. É o lugar do otium, ideal para o repouso, rodeado polos triclinios, salas de estar o de xuntanza. É o espazo doméstico que acolle as esculturas e os libros e dá paz e tranquilidade a toda a familia.

Pero está forma arquitectónica non vai ser permanente. Os cambios de mentalidade taen con eles cambios na concepción dos espazos vitais. O descubrimento do peristilo como foco de luz dá pé para que o tablinum (o despacho oficial do dominus) se abra para  con maior claridade responder ás novas ideas de comodidade, coa construcción dos acueductos perde sentido o impluvium,  a relixiosidade familiar entra en crise cos novos tempos e a apertura  as novas culturas e  o atrium deixa de ser o centro da vida familiar perdendo por tanto a súa razón de ser.

PODEDES VISITAR O POST  ”A VILLA ROMANA DE TORALLA” PICANDO AQUÍ

INTERESANTE VISITA

RECONSTRUCCIÓN DUNHA VILLA RUSTICA EN 3D

O LUXO DUNHA VILLA

Se queres imaxinar unha villa podes ler este texto de Plinio o Mozo:


O MÁIS ALÁ DOS ROMANOS
nov 1st, 2009 por José M. Otero

O Máis Alá dos romanos: Entre a esperanza sublime e absoluta incredulidade.

O Máis Alá, a inmortalidade da alma, era unha preocupación sen presenza no pensamento cotiá romano. A morte equivalía á nada, a un soño eterno e a vaga supervivencia das formas non pasaban de ser unha fábula. Ningunha doutrina se paraba a explicar que máis alá da morte houbese outra cousa que non fose un cadáver.

Eneas Sibila

Eneas e a Sibila

PARA VER VIDEO PICAR AQUÍ OU VISITAR A PÁXINA “O MÁIS ALÁ DOS ROMANOS”

Aínda que os romanos celebraban o día dos defuntos entre o 13 e o 21 de febreiro, durante os cales levaban ofrendas ás sepulturas dos seus familiares, non crían que os mortos acudisen a contemplar e respirar o perfume das flores que se depositaban nas tumbas.

O que si mostran os romanos nos ritos funerarios e na arte sepulcral é un empeño por reducir a angustia que precede ó momento da norte, convertendo a tumba nunha morada eterna  na que todo se prolonga unha vez que todo rematou e onde a nada adopta a aparencia consoladora dunha monótona identidade: imaxes de navíos, un viaxeiro a cabalo; morte como un descanso despois dunha longa viaxe.

As ideas consoladoras do máis alá  nacían do desexo de crer e non da autoridade da relixión, un mesmo epitafio afirma dúas verdades á vez: unha esperanza sublime e unha perfecta incredulidade.

Os epitafios e a arte funeraria teñen o tacto de non suxerir senón ideas consoladoras. Os moribundos non tiñan medo ós castigos mitolóxicos naqueles infernos fantásticos que ninguén tomaba ó pé da letra; eran os deuses mesmos os que daban medo, porque sempre se considerou que estes eran xustos, providentes e vingadores e estaban onde estaban para vingarse da conciencia dos homes.

(Ver Philippe Ariès e Georges Duby. Historia de la Vida Privada.páx 216 e ss.)

View more presentations from pvila.
Vías e pontes: rede de poder, camiños de latinidade
out 18th, 2009 por José M. Otero

VIAS E PONTES DE LATINIDADE

Da terra sómente habitamos a parte que se estende ata as columnas de Hércules, espallados arredor do mar como as formigas e as ras dun estanque.

Platón

Via Nova ou XVIII do Itinerario de Antonino

Para ver o VIDEO pica AQUÍ

Do xermolo, que madura nas  brétemas lendarias de Eneas , nace unha das máis amplas e coherentes construcións políticas e militares de todos os tempos. Ó principio foi unha conquista teimuda, unha agresión sistemática. Pero co tempo foise caendo na conta de que isto non era suficiente se non se armaba un sistema de apoio, unha rede –campamentos fixos, albergues nos camiños, depósitos, conexións-, toda unha rede que viña a dar á cidade e que foi cargándose de poder co paso do tempo. Esta rede tiña que ser sólida se se quería garantir o éxito das campañas militares, a súa coordinación e a súa continuidade. Así detrás dos exploradores do terreo organizados viñeron os construtores. Eles fixeron muros, pontes, estradas que facilitaron o paso das lexións.

Comezan a aparecer por todas partes réplicas de Roma como selo da dominación. A cidade significaba lei , pois os xuristas acompañaran no avance ós soldados, enxeñeiros e agrónomos. En calquera punto do territorio sometido podíanse ler epigrafiadas sobre bloques de mármore palabras como libertas, potestas, auctoritas, imperium. Res Publica.

Pero a unidade entre todas estas colonias foi resultado de moitas forzas:  o dereito e a rede de estradas que conducía ó centro só foron un instrumento máis que garantiu esa unidade, a verdadeira forza unificadora xerouse a partir da lingua na que se escribían as ordes militares, os decretos da xustiza, a liturxia do poder.

A latinidade nos seus comezos é como unha rede que se bota ó mar desde o Lacio e entre as mallas vai quedando atrapado todo un amplo territorio que se ordena arredor dun mar interior. O historiador grego Dionisio de Halicarnaso (60 a C.) , escribiu que a grandeza de Roma no é cousa só da boa fortuna, senón o resultado dun esforzo meritorio ó que non era allea a influencia grega. Un esforzo e ademais un sentido práctico do que dan fe o que para el son as tres principais achegas de Roma: as vías, os acuedutos e as cloacas.

MATERIAL COMPLEMENTARIO: TEXTOS PARA VIAS REDE DE PODER

LAS LÁGRIMAS DE EROS


Museo Thyssen Bornemisza, Madrid

Os sabios da antigüidade vistos por Gulliver na illa dos meigos (Glubbdubdrib)
xull 15th, 2009 por José M. Otero

AS VIAXES DE GULLIVER

(Terceira parte: Viaxe a Laputa, Balnibarbi, Glubbdubdrib, Luggnagg e Xapón)

O gobernador de Glubbdubdrib era un experto nigromante que tiña o poder de evocar de entre os mortos a quen lle petase e telo á súa disposición durante vintecatro horas, non máis. Tampouco pode repetir cos mesmos espíritos ata esperar tres meses, a non ser que medien circunstancias extraordinarias.

“Quedamos na illa dez días…. a presenza dos espíritos resultoume tan familiar que despois da terceira ou cuarta vez xa non me impresionaban… A súa Alteza o Gobernador mandoume evocar a quenqueira que se me antollara ,sen límite de número, de entre todos os mortos desde o comezo do mundo ata a actualidade e que me respondesen ás preguntas que eu considerase oportuno facerlles…. Vin a Aníbal cruzando os Alpes…. Vin a César e a Pompeio. Soliciteille que o Senado de Roma aparecese diante de min nun ampla cámara, e unha asemblea de diputados actual fronte por fronte noutra. O Senado parecía unha asemblea de heroes e semideuses, a outra un atallo de bufoneiros, carteristas, salteadores de camiños e matóns….”

“Ávido por ver a aqueles homes da antigüidade  que máis celebrados foran pola súa intelixencia e sabiduria, dediquei un día a tal propósito. Propuxen que Homero e Aristóteles aparecesen á cabeza de todos os seus comentaristas, pero eran estes tan numerosos que varios centos deles se viron na obriga de comparecer no patio e nas habitacións exteriores do palacio. Recoñecín e distinguín a aqueles dous heroes con só velos, e non só de entre a multitude, senón a un do outro. Homero era o máis alto e o mellor mozo dos dous, camiñaba ben teso para a  súa avanzada idade e tiña os ollos máis agudos  e penetrantes que nunca vin.”

Aristóteles ía moi eslombado, apoiándose nun caxato. Tiña o rostro enrugado, o cabelo laso, e a voz apagada. Pronto advertín que ós dous lles eran absolutamente decoñecidos o resto da compañía, ós que nunca antes viran ou oiran citar. E un espírito, que non vou descubrir, díxome ás caladiñas que no outro mundo estes comentaristas residían nos lugares máis afastados dos seus epónimos pola vergoña e a culpa que sentían por ter desfigurado dun xeito tan terrible o sentido daqueles autores para a posterioridade.”

“Presenteille a Didimo e Eustacio a Homero  e convencino para que os tratase mellor do que merecían, pois pronto se decatou de que non tiñan nin chisco de enxeño para sondear o espírito dun poeta. Pero Aristóteles tivo menos paciencia co relato que lle fixen de Scoto e Ramos (1) cando llos presentei, e preguntoulles se o resto da tribu eran tan burricáns como eles….”

“Pasei cinco días de leria con outros moitos dos sabios antigos. Vin a maioría dos emperadores romanos. Convencín ó emperador para que convocase os cociñeiros de Heliogábalo e que nos preparasen unha cea, pero a escaseza de materiais impidiu que amosasen as súas habilidades…..”

Resulta inevitable non escoitar as voces de Ulises e Eneas nas súas viaxes polo mundo das sombras á procura dunha resposta para as súas dúbidas existenciais, e detrás deles, as mans de Homero e Virxilio como interpretes dunha sociedade con referentes heroicos, dispostos a dar solucións, a abrir camiños e enchelos de luz. A mesma luz que bota de menos Jonathan Swift no mundo que a el lle toca vivir. Na comparación dos dous mundos reside a forza da sátira.

1) En tempos modernos moitos autores, principalmente protestantes, comenzaron a menosprezar a filosofía escolástica, e con ela a lóxica aristotélica. Así, v.g., Pedro Ramos (1515-1572), calviniano, atácaa duramente polo menos con palabras, aínda que de feito a siga en moitas cousas. El mesmo é o autor da división lóxica en tres partes: da noción. xuizo e raciocinio, que aínda se mantén.


Os sabios antigos na illa dos meigos por José M. Otero está baixo a licenza Creative Commons Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 España License

Creative Commons License

Las Tres Gracias

Para escoitar Web Radio Clásica AS TRES GRAZAS http://www.rtve.es/mediateca/audios/20090709/las-tres-gracias-musica-sobre-marcha-07-07-09/541378.shtml

A relixión de Roma, cidade estado
xun 8th, 2009 por José M. Otero

 

A RELIXIÓN DE ROMA, CIDADE ESTADO

O romano, home práctico, pensaba nos termos da súa propia vida cotiá: O desenvolvemento do seu pensamento relixioso versa en torno á vida agrícola e á vida doméstica:

-  Establecemento dunha serie de festivais que sinalan as estacións do ano agrícola: Saturnales, da sementeira; Robigales, para que os cereais se libren da cinza; Consuales, almacenamento da colleita.

-   Xano, espírito da porta; Vesta, a chama viva; Penates, espíritos da despensa; Lar familiaris, tutelar dos escravos da casa.

Roma, Cidade-Estado: a vella relixión foi adaptada ás novas necesidades asimilando os deuses da mitoloxía grega:

–  Os vellos festivais conserváronse intactos e foron transmitidos en todos os seus detalles.

–  Os antigos espíritos rurais adquiriron unha nova función no seu ámbito: Xúpiter, o espírito do ceo, converteuse na divindade da xustiza interna; Marte, deidade agrícola, deus da guerra.

Establecemento gradual dunha relixión de Estado que relega a relixión da familia da época primitiva.

“ O que está en xogo nun culto público é o ben e o éxito terreo da comunidade implicada; considérase que todo acto de culto público emana da colectividade e non dos individuos que a compoñen… Os deuses son socios das comunidades humanas e han de colaborar no seu ben e non aproveitar a súa superioridade para atemorizalos. A relixión pública baséase nesa relación respectuosa entre a res publica e os deuses”.

Roger Hanoune e John Scheid. A antiga Roma. Como vivían os romanos. Páx. 72-73

Dioses Olímpicos : Deuses e significado dos seus atributos.

Cuestionario.

Creative Commons License

DOS NUMINA ÓS DEUSES OLIMPICOS by Jose M. Otero is licensed under a Creative Commons Recoñecemento-Non comercial 3.0 España License. Based on a work at edu.xunta.es.

CATULO: AMORES QUE MATAN
out 2nd, 2008 por José M. Otero

Catulo é o home que converte a súas propias vivencias no obxecto do seu traballo poético. Por iso se considera que a aportación de Catulo á literatura latina é o descubrimento do individuo e os seus valores, do poeta como poeta, el xa non é o poeta que imita, é capaz de impor a súa persoal visión, o seu estilo, a súa arte a todos aqueles temas nos que fixa o seu talento. A expresión dos seus sentimentos íntimos, a paixón amorosa, os seus odios atópasen principalmente nos seus poemas polimétricos e epigramas.

LECTURAS PARA AS PROBAS DE ACCESO 2008-2009

86: ¡LESBIA , PRECIOSA!
Quintia para moitos é bonita, para min é branca, alta,
tesa. Eu, que son como son, recoñézolle cada un destes encantos.
Tamén digo que non todo iso é “bonita”, pois ningún estilo,
nin gran de sal hai nese corpo vulgar.
Bonita é Lesbia, toda ela una preciosidade,
ela soa arrebatoulles a todas todos os encantos.

Para acceder ós poemas seleccionados clicar en:

catuloamoresquematan 2008-2009

Creative Commons License

Catulo: Amores que matan. Colección de poemas by José M.Otero is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial-Sin obras derivadas 3.0 España License.
Based on a work at xmnicol.blogaliza.org.” 


GUÍA DE LECTURA DOS POEMAS DE CATULO

 

A LÍRICA LATINA

Para que a lectura dos poemas che resulte máis proveitosa podes empezar a estudiar o tema da lírica latina, que será contido de literatura latina para a primeira avaliación.

Para acceder ó tema completo en pdf clika en: A LIRICA LATINA

AS PRIMEIRAS LIÑAS DE EUTROPIO
set 30th, 2008 por José M. Otero

Os alumnos e alumnas de 2º de bacharelato tedes á vosa disposición na vosa páxina de este blog os primeiros capítulos de Eutropio para que tentedes traducilos

null

Para completar os textos anteriores é moi recomendable visitar a selección de FERNANDO LILLO

NOVIDADES NOS CONTIDOS DAS PROBAS DE ACCESO Á UNIVERSIDADE CURSO 2008.2009


»  Substancia: WordPress   »  Style: Ahren Ahimsa